Tuesday 21 de May de 2024

Un curso do ámbito sociosanitario incrementa a oferta formativa da Pobra


A Pobra do Caramiñal segue incrementando a oferta formativa cunha nova acción: o curso de promoción dos coidados en persoas dependentes no ámbito sociosanitario. A concelleira do Desenvolvemento Local, Amparo Cerecedo (BNG), sinala que está orientado a profesionais de axuda no fogar “coa finalidade de mellora-lo seu servizo para fomentar en persoas dependentes unha maior autonomía, ademais de facilitarlle o seu traballo.”

Pola súa parte, a orientadora laboral, Blanca Álvarez, puntualiza que é baremable nos procesos públicos, polo que “apostamos pola formación no ámbito sociosanitario para a mellora na calidade das bolsas de contratación na Administración pública local e autonómica.”

Agadea impartirá a formación nos sábados, de 09.00 a 13.00 horas, do período comprendido entre o 29 de abril e o 15 de xullo. As clases terán lugar na aula multiúsos da Casa da Mocidade. Consta de 50 horas nas que se combina o contido teórico con exemplos prácticos e intercambio de experiencias.

Abordaranse temas como evita-la sobrecarga, fomenta-la autonomía da persoa dependente, coida-las posturas á hora das mobilizacións, alimentación, aseo e hixiene, desenvolvemento de habilidades comunicativas, coñecer a medicación, manexo das caídas ou a importancia da prevención nas úlceras, entre outras cuestións.

O prazo de inscricións permanecerá aberto do día 3 ao 11 de abril, ambos inclusive. Seguindo a dinámica habitual, as solicitudes de participación nesta acción formativa entregaranse no rexistro do Concello ou na sede electrónica, xunto coa copia do DNI. Establécese un límite de 20 prazas que se cubrirán pola orde de entrada. Habilítase o teléfono de contacto 981377610 para máis información.